Animación á Lectura

  Frases de Animación á Lectura!!!

2022-2023

Boello e o Equipo da Biblioteca do noso centro educativo queremos comezar este novo ano académico 2022-2023 lembrándovos que cada un dos libros que leades ao longo das vosas vidas, son un novo soño que tedes entre as vosas mans para poder voar a un mundo cheíño de auténtica maxia lectora...

Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 16/09/2022
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca temos un proxecto escolar ben interesante para este ano académico e para o vindeiro, "CorpoPlanet", porque pensamos que neste momento da historia da Humanidade debemos intentar fomentar entre todo o noso alumnado o coidado do corpo e da mente para que as novas xeracións teñan a enerxía suficiente para paralizar o deterioro galopante do noso Planeta. 
Boello e o Equipo da Biblioteca pensamos que a lectura é para a mente o mesmo que o exercicio para o corpo así que tócanos animar sen descanso ao noso alumnado a ler para soñar que un mundo mellor é posible para todas as novas xeracións que están por chegar.

Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 16/10/2022
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca queremos que non deixedes de ler porque cada vez que abrades as tapas dos vosos libros, contos, bandas deseñadas, revistas... viviredes mil aventuras inimaxinables no mundo real pero moi imaxinables no mundo da lectura e teredes o marabilloso privilexio de soñar cos ollos abertos.

Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 16/11/2022
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca sempre estamos a promover o máxico mundo da lectura entre todo o alumnado do noso centro educativo porque sabemos que mentres máis lea toda a nosa cativada máis cousiñas saberán e mentres máis cousiñas saiban, máis lonxe chegarán e quizais así podamos acadar o noso esperanzador soño dun mundo planetariamente máis humano.
Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 16/12/2022
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca queremos desexar para este novo ano que todo o noso alumnado teña a inmensa fortuna de ter o impulso de mergullarse na lectura dun libro unha e mil veces durante cada un dos días e noites deste ano 2023 que comezamos cunha infinita ilusión lectora.

Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 16/01/2023
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca queremos lembrarvos que a lectura é un marabilloso vehículo que nos invita a viaxar a infinitos mundos axudándonos a desenvolver a nosa imaxinación e creatividade. Ademais a lectura é unha inmensa fonte de coñecementos que nos invita a descubrir todo o noso universo sideral e tamén é un medio fantástico de entretemento, relaxación, distracción e goce infinito.

Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 16/02/2023
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca pensamos que ler moi bo porque mellora a memoria, aumenta o vocabulario, mellora a túa ortografía, invita ao coñecemento e a aprendizaxe, activa o cerebro, faite unha persoa máis reflexiva e comprensiva, faite máis elocuente, incrementa a túa creatividade e imaxinación, adestra a túa mente, reduce o estrés, tranquiliza... e invita a soñar.
Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 16/03/2023
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca queremos celebrar o Día do Libro lembrándovos algunhas das razóns para gozar do mundo da lectura aínda que a nosa lista podería ser infinitamente máis inmensa:
Para deter o tempo
Para evadirnos
Para ser o que non somos
Para saber que estamos vivos
Para viaxar coa imaxinación
Para soñar
Para entender
Para saber
Para crear un mundo propio
Para rir, para chorar, para sentir, para pensar
Para aprender cousas novas
Para explorar
Para coñecer outras culturas
Para coñecermos máis
Para vivir máis
Para aprender a pensar
Para aprender a coñecer aos demais
Para ser un heroe ou unha heroína 
Para experimentar todo un mundo de emocións
Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 23/04/2023
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca queremos que no noso centro educativo existan milleiros de bos lectores que:
 Saiban usar estratexias de lectura
Practiquen a lectura
Lean con soltura
Falen sobre libros
Compartan libros
Coiden os libros
Pensen cando len
Fagan moitas preguntas cando len
Gocen lendo sen parar
Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 16/05/2023
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca queremos despedir este ano académico 2022-2023 lembrando a todo o noso alumnado que no seu tempo de vacacións non paren de ler porque un libro é unha tolemia xa que pasas a vista por milleiros de manchas de tinta ordenadas sistematicamente sobre árbores triturados e procesados que sempre provocan alucinacións de ideas e sensacións que serán fonte refrescante para vivir soñando no mundo da lectura.

Felices vacacións a todo o mundo lector!!!
Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 16/06/2023
_________________________________________
_________________________________________

2022-2023

_________________________________________
_________________________________________

Frases de Animación á Lectura!!!

2021-2022

Boello e o Equipo da Biblioteca do noso cole quere animar a todo o alumnado a que descubran o marabilloso mundo que se agocha tras as tapas dos libros e dos contos polo que imos a inaugurar esta sección con chulísimas frases que nos farán querer abrir libros e máis libros para poder deixar voar a nosa imaxinación coa lectura de cada sílaba, cada palabra, cada oración e cada parágrafo e poder vivir así novas e fantásticas aventuras no espectacular mundo da lectura.


VIVIR SEN LER SERÍA VIVIR SEN VIVIR!!!

Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 15/10/2021
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca do noso cole quere lembrarvos que se queredes vivir inimaxinables e inesquecibles aventuras debedes ser ben intrépidos e lanzarvos sen dubidalo ao marabilloso e fantástico mundo da lectura.

 SE QUERES AVENTURA, LÁNZATE Á  LECTURA!!!

Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 15/11/2021
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca vos invita a descubrir o fantástico e máxico pracer da lectura que sempre vos abrirá infinidade de portas a miles de mundos por imaxinar  na vosa mente e no voso corazón.
A LECTURA ÁBRENOS AS PORTAS DO MUNDO QUE TE ATREVAS A IMAXINAR!!!

Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 15/12/2021
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca do noso cole quere invitarvos a que iniciedes este aninovo que comezamos cun bo feixiño de libros nas vosas vidas porque están desexando que vos mergulledes na súa lectura xa que cada libro coa historia que nos agarda tras as súas tapas soamente cobra vida na marabillosa mente do lector ou lectora que ten moitas ganiñas de vivir aventuras mil.
O LIBRO COBRA VIDA NA MENTE DO LECTOR

Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 15/01/2022
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca do noso cole quere invitarvos a que leades, leades e leades centos, miles ou quizais millóns de libros, contos e bandas deseñadas porque dentro das súas tapas descubrirás o marabilloso mundo da lectura que é unha marabillosaa fábrica de soños.

A LECTURA É UNHA FÁBRICA DE SOÑOS

Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 15/02/2022
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca do noso cole non somos capaces nin de imaxinar como sería o noso mundo sen a maior e máis valiosa das aprendizaxes do ser humano, ler. Pensamos que o  noso planeta sen lectura sería un lugar horrible onde non poderiamos deixar crecer o noso profundo mundo interior vaixando ao marabilloso mundo exterior coa nosa fantástica imaxinación  lectora.
UN DOS MAIORES E MÁIS VALIOSOS APRENDIZAXES QUE PUIDO OBTER O HOME FOI APRENDER A LER

Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 15/03/2022
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca queremos celebrar o Día do Libro agradecendo a tod@s @s nos@s cativ@s lectores a súa dedicación incansable no uso das súas mentes curiosas para pensar nas ideas que se agochan tras as tapas dos libros, dos seus ollos que son as máis lindas ferramentas poder descifrar todo o que está impresos nos libros, da súa boca para narrar en voz alta as historias dos libros, das súas orellas para poder escoitar as historias contadas por outras persoas, das súas mans para coidar e mimar os libros e sobre todo, do seu corazón para engadir todo o seu sentimento é poder sentir como real cada marabillosa aventura escrita nos libros.
GRACIÑAS MIL LECTORES!!!

Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 23/04/2022
_________________________________________

Boello e o Equipo da Biblioteca temos unhas ganiñas inmensas de celebrar o Día das Letras Galegas porque a nosa fermosísima lingua son as lindísimas verbas que identifican o noso sentir máis profundamente profundo e enriquecedoramente diferente ao resto de múltiples sentires deste gran mundo. Sentir propio que nos convirte en seres únicos e irrepetibles nun anaquiño ben pequerrechiño deste toliño planeta. Todo o dito quedou maxicamente plasmado en letras polo noso querido Manuel María:
SEMPRE GALEGO SEMPRE!!!

Boello e o Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo - 17/05/2022
_________________________________________
_________________________________________

2021-2022

_________________________________________
_________________________________________

No hay comentarios:

Publicar un comentario