sábado, 9 de abril de 2022

MILLEIROS DE CORES MUSICAIS DA DIVERCAPACIDADE NA AULA DE MÚSICA!!!

A nosa intrépida aventureira, a súa agarimosa profe Sonia e eu fomos este mércores ao cole para despedir este trimestre ben intenso e para inundar a nosa aula de Música cun milleiro de cores musicais da DiverCapacidade cos catro grupiños de referencia de Icía.

A nosa aventura musical comezou coa marchosa canción "Fogo Nicolás" do proxecto "Celtic Roots" de Xosé Manuel Budiño coa que o pasamos estupendamente bene acompasando o noso dinámico canto cunha natural percusión corporal ao ritmo da diversidade musical.





Seguidamente, chegou un intre máxico no que tivemos a sorte de poder desfrutar do filme creado pola nosa linda profe Sonia. Ela coa súa marabillosa maxia creativa, a súa capacidade tecnolóxica e con miles de deliciosas lambetadas representou ás mil marabillas o fermoso conto "Érase unha vez un carameliño sen cor e sen sabor".





Este lindo conto, agasallo dunha fermosa amiga de Icía e de "moi", foi a inspiración necesaria para que nacera na miña cabeciña a idea do concurso, no que colabora intensamente Boello e o Equipo da Biblioteca, "Érase unha lambetada con cor e con sabor" para que o alumnado que leva vivindo máis enriquecedoras aventuras con Icía invente unha pequeniña continuación no que representen con todo o seu corazón como o carameliño branco sen cor e sen sabor, Icía, os enriqueceu en cada unha das aventuras escolares vividas diversamente xuntiñ@s ao longo destes aniños.





Despois chegou o momento de desfrutar da nosa música coa canción "Arrumbo" de Milladoiro coa que vivimos lindas emocións e sensacións acompañando cada unha das súas fermosas notas con miles de ritmos instrumentais marcando o compás da nosa DiverCapacidade Musical.





O toque final para tan musical aventura da pequena aventureira e demais lindas persoas que puidemos desfrutar da mesma foi a marabillosa canción "Cores" de Magín Blanco porque en cada verba, en cada nota deste grandísimo músico e con cada debuxo de cor de Luz Beloso se representa infinitamente o noso soño da DiverCapacidade porque todos somos cores coma flores á procura dun amor.








Para a despedida finalis a pequena aventureira deulles unha caixiña de lambetadas porque aínda que sabemos que tanta sobredose de azucre non é nada boa; a música da sesión, o film do conto e o concurso de Boello nos invitaron a por un día dar un pouquiño de cor e de sabor as nosas lindas amizades escolares que nos agasallaron con algún que outro lindo detalle, miles de miradas agarimosas e fermosas verbas que xa sempre permanecerán ancoradas na nosa mente e no noso corazón.







Graciñas mil a Icía por se a miña creativa inspiración, ao papá da pequerrecha por estra sempre e impulsarnos cara adiante, a profe Sonia pola súa maxia creativa e polo seu agarimoso sorriso, a todo o profesorado que se animou a participar activamente e a todo o profesorado que estaba desexando estar pero que por diversos motivos non puido ser e aos catro grupiños de compis de referencia da pequena por acompañarnos tan lindamente en cada unha das nosas intrépidas aventuras para inundar as súas mentes e os seus corazóns co soño dun mundo mellor cheíño da máis colorística DiverCapacidade.

Ceci Music & Icía Power



Ceci Music & Icía Power

Seguimos soñando con facer realidade a "DiverCapacidade"

Boello e Equipo da Biblioteca do CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo

No hay comentarios:

Publicar un comentario