miércoles, 4 de diciembre de 2024

  VIAXEMOS A ASIA OCCIDENTAL PARA DESCUBRIR AS SOCIEDADES DOS SUMERIOS, DOS ACADIOS, DOS ASIRIOS, DOS BABILONIOS E DOS PERSAS!!!


Boello e o Equipo da Biblioteca Escolar queremos invitarvos a unha viaxe por Asia Occidental para descubrir as súas civilizacións máis antigas e coñecer mellor o pasado dos poboadores do noso planeta.

O Homo Sapiens migrou a Asia Occidental fai uns 70.000 anosOs sumerios foron os primeiros en construír unha sociedade nestas terras. A cultura sumeria foi moi importante e influíu considerablemente nas culturas dos seus sucesores. Dicirvos que moitos dos obxectos que empregamos a día de hoxe son de civilizacións que viviron e prosperaron nesta rexión do globo terráqueo.

OS SUMERIOS

Os historiadores consideran que a rexión que na Antigüidade se denominada Mesopotamia foi o berce das primeiras sociedades. En concreto, os sumerios foron os primeiros fundadores dunha sociedade complexa cunha gran cultura, riquezas e avances lingüísticos. 

Os seus inventos foron fundamentais para o progreso da humanidade e moitos deles aínda os seguimos a empregar na actualidade:

  • A roda, que foi a peza clave para revolucionar o transporte para o ser humano.
  • O barco de vela, para transportar mercancías aproveitando a forza do vento.
  • O arado, para poder abrir regos para botar as sementes e crearon unha rede de canais para transportar a auga dos ríos e deste xeito aumentar as probabilidades de que creceran para poder alimentar a toda a súa poboación.

A escritura cuneiforme, empregada durante máis de tres mil anos, foi unha creación dos sumerios. Esta escritura constaba de centos de caracteres e símbolos para anotar transaccións, acordos comerciais, poder escribir relatos ou leis e rexistrar a súa propia historia. Todo se inscribía en táboas de arxila que deixaban secar ao sol para que perduran no tempo.

OS ACADIOS

Os acadios, igual cos sumerios, eran os habitantes de Mesopotamia e inclusive chegaron a vivir como unha soa civilización. O pobo dos acadios sentou as bases do que se convertería co paso do tempo nunha das máis grandes cidades da Antigüidade: Babilonia.

Os acadios construíron grandes pirámides graduadas, chamadas Zigurats, e os historiadores pensan que en cada nivel plantaban árbores para formar xardíns para desfrute da poboación. Preto das portas e das entradas construían estatuas aladas para espantar o mal, chamadas Lamassus.

OS ASIRIOS

Os asirios son coñecidos por inscribir en táboa de arxila unha das primeiras obras literarias da historia da humanidade. Así mesmo, deixaron rexistrada unha grande parte da súa historia e das súas conquistas militares. Un dato moi relevante que queremos compartir con todos vós é que moitos historiadores cren que o rei asirio Asurbanipal mandou construír a primeira biblioteca do mundo porque era un grande amante da lectura e das artes.

Os asirios forxaban metais para convertelos en ferramentas, armas e xoias, sendo os primeiros en fabricalos a gran escala. Os seus inimigos non podían rivalizar contra a súa capacidade de fabricación e a calidade dos seus obxectos metálicos e das armas.

OS BABILONIOS

A primeira mención a Babilonia remóntase ao terceiro milenio a.C, pero temos que dicir que esta cidade prosperou grazas ao rei Hammurabi, durante a primeira dinastía de Babilonia (1.792-1.750 a.C), cando pasou a ser o epicentro do Imperio Babilónico. A cidade floreceu ata o ano 539 a.C, ano no que o exército persa arrasou e saqueou a cidade, marcando o fin do Imperio Mesopotámico.

O rei Hammurabi creou un código ético con normas que o seu pobo debía obedecer e establecía duros castigos para quen infrinxía as súas normas; como, por exemplo, sancións económicas, castigos físicos e ata a pena de morte. Ademais as súas leis non eran moi xustas porque non trataban por igual aos membros das clases baixas que aos das clases altas.

OS PERSAS

O Imperio Persa tivo a expansión máis amplia e rápida de todas as civilizacións da historia da humanidade. En dous séculos invadiron zonas de India, polo leste, e de Europa, polo oeste, pero perderon gran parte da súa flota ao intentar invadir Grecia na célebre batalla contra os atenienses.

Os persas son calificados como guerreiros tiránicos, pero tamén son os creadores do Cilindro de Ciro, que é unha peza de arxila de 20 cm de lonxitude que ten inscrita unha das primeiras declaracións dos dereitos humanos.

Un dos inventos máis importantes dos persas foron os "yakhchâl" que son os primeiros refrixeradores con data do ano 400 a.C. Estes refrixeradores eran grandes estructuras abovedadas ailladas grazas a un material que elaboraban para tal fin, chamado "sârooj"e, no seu interior, apiábanse bloques de xeo que, con axuda de estructras que canalizaban aire e auga fría, mantiñan o xeo conxelado e o que neles se gardaba.

Un dato que seguro vos pode interesar é que os persas eran grandes amantes dos xogos de mesa. Este pobo foi o encargado de popularizar dous xogos que procedían doutras civilizacións por todo o seu imperio, o backgammon e o xadrez.


Boello e o Equipo da Biblioteca desexa que desfrutarades desta viaxe polas antigas civilizacións de Asia Occidental que foron unha base fundamental para o noso xeito de vida actual. Agardámosvos na próxima entrega do noso blog para viaxar as civilizacións antigas de Asia Oriental.

BOELLO E O EQUIPO DA BIBLIOTECA

CEIP PLURILINGÜE CALVO SOTELO

No hay comentarios:

Publicar un comentario