martes, 27 de mayo de 2025

    VIAXEMOS A AMÉRICA PARA PESCUDAR O XEITO DE VIDA DOS NATIVOS AMERICANOS, DOS OLMECAS, DOS MAIAS, DOS INCAS E DOS AZTECAS!!!


Boello e o Equipo da Biblioteca Escolar quere invitarvos a esta viaxe na que descubriremos que os nosos antepasados tras explorar e atravesar a masa continental de Europa e Asia, comezaron a desprazarse cada vez máis ao norte e ao este durante milenios. Deste xeito chegaron a América do Norte no ano 11.000 a.C. aproximadamente. A día de hoxe as terras do oeste de Canadá e do este de Rusia seguen a estar unidas polo estreito de Bering, pero esta ruta que empregaron os noso antepasados máis remotos fai moito tempo que quedou somerxida pola subida do nivel do mar.

As duras condicións climáticas con temperaturas baixo cero destas terras do norte de América impulsaron aos humanos a trasladarse a zonas de América Central e do Sur por ter climas máis cálidos. Se pensa que os seres humanos chegaron a América do Sur no ano 10.000 a.C.

OS NATIVOS AMERICANOS

Os seres humanos que chegaron a América do Norte foron construíndo tribos e asentamentos neste inmenso territorio. Os nativos americanos, como os aborixes australianos, viviron illados durante miles de anos, contribuíndo a conservación da súa riqueza cultural e xeito de vida. As colonizacións posteriores, no século XVIII e XIX, deste territorio fixeron que algúns pobos desapareceran (como os apaches, os cheroquis e os cheienes) e outros pobos fosen expulsados inxustamente dos seus territorios a causa das conquistas e expansión imperial dos europeos. 



Os pobos do norte máis xélido de América como os inuit, yupik e o aleutino empregaban Kayaks fabricados con madeira, peles de animais e graxa de balea. Este tipo de embarcación foi empregada por moitas tribos ao longo do territorio americano xa que se asentaban preto das masas de auga  porque o peixe era un dos seus alimentos básicos e porque a auga sempre é fonte de vida.

Outro medio de transporte inventado polo pobo anishinaabe de América do Norte foi a zorra que empregaban para trasladar mercadorías pesadas nas distancias máis longas cubertas de neve.

Falando dos medios de transporte temos que contarvos que o petróleo xa era empregado polo pobo iroquese como repelente de insectos e con fins medicinais para o que cavaban pozos de 6 metros de profundidade en Pensilvania antes de que Edwin Drake, en 1859, pensara que o descubrira.

Os nativos americanos foron adentrándose no continente pero necesitaban resgardarse dos xélidos ventos e das baixas temperaturas e crearon os Tipis. Estes refuxios estaban feitos a base de paos e peles de animais e tiñan a vantaxe de poder ser montados e desmontados para a mobilidade dos seus campamentos. Este invento é a inspiración das nosas actuais tendas de campaña. 

Outro dato a destacar é que estes pobos americanos recollían miles de plantas distintas e coñecían as súas propiedades que empregaban con gran sabedoría como menciñas.

OS OLMECAS

A civilización olmeca naceu fai máis de 3.500 anos e controlou gran parte de Mesoamérica entre o 1.200 a.C e o 400 a.C. Foi o primeiro imperio desta rexión e tanto os maias como os aztecas adoptaron moitos dos seus costumes, tecnoloxías e ensinanzas.

Os olmecas son os primeiros seres humanos que aproximadamente no ano 1.500 a.C comezaron a recoller, tostar e muiñar os grans de cacao para preparar unha bebida que era moi amarga. Cando os europeos invadiron estas terras no século XVI descubriron esta receita e engadíronlle azucre. Con este novo ingrediente pasou a ser un doce capricho en todo o continente. Dicirvos que a tableta de chocolate tardaría un pouco máis en aparecer, concretamente no ano 1.847.

Este pobo tamén recollía, fai xa uns 3.000 anos, un líquido chamado látex das árbores e das plantas que mesturaban co zume doutras plantas con flor para fabricar caucho. Combinando os ingredientes en diferentes proporcións obtiñan un caucho máis duro ou máis brando para fabricar por exemplo: pelotas.

OS MAIAS

O pobo maia, a diferencia doutras civilizacións,  non construíu un imperio en continúa expansión, senón que existiron como un conxunto de Cidades-Estado. Estas cidades se gobernaban dun xeito independente e autónomo entre si pero tiñan unha cultura e un sistema relixioso compartido. Esta civilización prosperou entre o 300 d.C e 900 d.C, e as súas cidades demostran que eran persoas cuns grandes coñecementos de astronomía e matemáticas.

Os maias tiñan unha gran curiosidade polo movementos dos planetas. Tanto é así, que construíron cidades e estruturas que se aliñaban cos corpos celestes. Segundo os arqueólogos, os astrónomos maias calcularon inclusive o tempo que tarda a Terra en orbitar arredor do Sol con tanta precisión que as súas estimacións non varían moito das que se empregaron para crear o calendario gregoriano que usamos na actualidade.

Para realizar os seus cálculos astronómicos, os maias dispoñían dun sistema matemático con tres símbolos. Unha cuncha para o cero, un punto para o un e unha raia para o cinco.

Un dato que sabemos que vos vai a parecer moi interesante é que os maias, ao igual que outras culturas mesoamericanas, xogaban a un xogo de pelota, chamado Pok Ta Pok. Este xogo consistía en pasar unha pelota de caucho por uns aros colocados entre 6 e 9 metros de alto empregando o corpo, pero sen usar as mans e os pés.

OS INCAS

Os incas foron o maior imperio de América do Sur e o seu territorio abarcaba unha grandísima extensión. A pesar do escarpado e accidentado do seu terreo, o seu imperio prosperou grazas as numerosas comunidades agrícolas que producían alimentos en grandes cantidades para esta civilización.

A maioría da poboación inca eran agricultores que cultivaban inclusive nas montañas escavando bancais e foxos nos acantilados para conseguir zoas de cultivo adecuadas. Este pobo tamén estudio o cultivo de diferentes variedades de froitas e verduras para seleccionar as máis resistentes para cultivar en cada estación do ano. 

Seguro que coñeces o coñecido monte Machu Picchu e as súas emblemáticas ruínas construídas no século XV. Os arqueólogos pensan que este conxunto de edificios servían de refuxio á realeza inca.

OS AZTECAS

Os aztecas gobernou gran parte de México nos séculos XV e XVI, construíndo estruturas impoñentes e templos monumentais nos que adoraban aos seus deuses. Na súa cidade máis importante, Tenochtitlán, vivían máis de 400.000 persoas no seu maior momento de esplendor, pero debemos lembrar que esta civilización comezou cun número reducido de tribos que se asentaron na illas e beiras do lago Texcoco.

Os pobo azteca sentía un gran fervor relixioso e celebraba moitas festividades na honra aos seus deuses. Para saber as datas destas celebracións empregaban un calendario. Estes calendarios eran tallados en pedra e representaban ao rei sol no seu centro.

O imperio azteca desintegrouse pouco tempo despois da chegada do conquistador español Hernán Cortés a inicios do século XVI. A invasión comezou en 1.519, cando varios centenares de mariñeiros españois exploraron a península de Yucatán, en México, para logo trasladarse ao interior, a gran cidade de Tenochtitlán, epicentro da civilización. Os españois encarceraron ao gobernante azteca, Moctezuma II, que morreu no seu cativerio e destruíron gran parte da cidade. Ademais moitos nativos morreron polas enfermidades que os europeos traían consigo.

Boello e o Equipo da Biblioteca desexan que esta viaxe ás antigas civilizacións de América fose moi enriquecedora e oxalá todo o que escribimos nesta entrada sexa comprendido e interiorizado por todo o noso alumnado e polas nosas familias para aprender dos seus erros e de toda a súa sabedoría para mellorar como persoas pero sobre todo como sociedade dun futuro máis xusto e máis humano.

BOELLO E O EQUIPO DA BIBLIOTECA

CEIP PLURILINGÜE CALVO SOTELO

No hay comentarios:

Publicar un comentario