VIAXEMOS A ÁFRICA PARA COÑECER OS NUBIOS, OS EXIPCIOS E OS FENICIOS!!!
Boello e o Equipo da Biblioteca Escolar queremos invitarvos a unha viaxe ao continente africano para coñecer as súas civilizacións máis antigas que sentaron as bases de todo o que acontecerá posteriormente ao ser humano no noso planeta.
Un dos primeiros e máis fascinantes datos que queremos que teñades en conta é que o Homo Sapiens xurdiu no continente africano fai aproximadamente uns 200.000 anos. Formaban grupos reducidos que formaban tribos nómades que percorrían as chairas africanas buscando vivir a súa vida cotiá do mellor xeito posible. Finalmente, saíron dos seus territorios e migraron cara o norte para chegar ata o Próximo Oriente e outros lugares.
OS NUBIOS
Os nubios vivían na rexión que hoxe en día é o Sáhara e desprazáronse ata o río Nilo, situado en Nubia (actual Sudán), sobre o ano 5.000 a.C.
Nubia tiña inmensas cantidades de ouro, incenso, ébano, marfil e outras materias de gran valor que os nubios empregaron para comerciar con outras tribos e pobos, como cos exipcios.
Os primeiros nubios que se trasladaron ao río Nilo pasaron de ser cazadores e recolledores a ser pescadores e agricultores. Estas novas actividades permitíronlle ter unha alimentación máis estable e fiable. Ademais tiveron a estabilidade necesaria para prosperar como pobo nas beiras deste grandioso río.
Os nubios desenvolveron o seu propio alfabeto, o Meroíto e construían pirámides ao igual que os seus coetáneos, os exipcios.
OS EXIPCIOS
Os antigos exipcios acadaron grandísimos progresos en arquitectura, agricultura, medicina, relixión e tecnoloxía.
Eran un pobo que cultivaron nas beiras do río Nilo e pescaba nas súas augas, construíron impoñentes pirámides e inventaron un material similar ao papel chamado papiro. Ademais crearon a súa propia linguaxe escrita baseada en pictogramas que representaban sons en lugar de letras.
A súa relixión era politeísta xa que tiñan a crenza de que existían moitos deuses que representaban coa cabeza dun animal como símbolo do seu poder, por exemplo: Ra, Anubis, Tot, Duamufet, Hapi, Kebehsenuf, Amset, entre outros.
Os antigos exipcios tamén crían que a vida continuaba máis alá da morte. Este é o motivo polo que embalsamaban ou momificaban aos seus mortos e polo que os faraóns descansaban en fermosos sarcófagos para pode desfrutar da súa vida eterna no interior das pirámides construídas para tal fin.
OS FENICIOS
Os primeiros poboadores fenicios vivían no Próximo Oriente pero o seu imperio expandiuse por África, Europa e o mar Mediterráneo que lles serviu de mercado polo que viaxar e comerciar con especies, metais preciosos, alimentos, tecidos, madeira, gando e artesanía xa que tiñan unha ampla rede de rutas marítimas e porque construían asentamentos en zonas estratéxicas dos tres continentes favorecendo o seu comercio.
Unha das cidades máis grandes da época foi Cartago fundada no século IX a.C que era o epicentro do comercio fenicio. Durante as Guerras Púnicas os romanos invadiron esta cidade e destruíron todas as edificacións fenicios para construír unha nova metrópoles. Os restos fenicios que aínda se conservan poden ser contemplados na actual cidade de Tunisia.
Destacar que os fenicios foron os pioneiros en crear un alfabeto, no que as letras podían ser colocadas e dar lugar a distintos sons. Este alfabeto de 22 letras será de vital influencia no alfabeto grego e no que empregamos no momento actual.
Boello e o Equipo da Biblioteca desexa que desfrutarades desta viaxe polo continente africano para coñecer as civilizacións da Idade Antiga que marcaron o inicio da marabillosa historia dos habitantes deste noso fascinante planeta. En posteriores ocasións invitarémosvos a novas e interesantes viaxes para seguir coñecendo as civilizacións antigas que son a base indiscutible da historia da humanidade.
BOELLO E O EQUIPO DA BIBLIOTECA
CEIP PLURILINGÜE CALVO SOTELO
No hay comentarios:
Publicar un comentario