"CONTOS E MÁIS CONTOS"
SAMAÍN-HALLOWEEN
Boello e o Equipo da Biblioteca estivemos a montar unha decoración ben linda e creativa na cortiza do pequeno corredor de paso á nosa querida Biblioteca Escolar.
Esta decoración pretende crear o ambiente necesario para inspirar a todo o profesorado e alumnado a desenvolver as diversas actividades educativas e conmemorativas deste ano académico, arredor da temática educativa global elixida polo noso centro educativo, "Contos e máis contos".
Aquí unha pequena mostra das creacións realizadas polo noso alumnado mesturando personaxes de contos coas características terroríficas da festividade do Samaín-Halloween.
Esta festividade ten a súa orixe na antiga tradición celta, o Samaín, con máis de dous mil anos de antigüidade en zonas como Irlanda, Reino Unido, o Norte de Francia e Galicia.
A súa celebración, como na actualidade, tiña lugar a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro para sinalar o fin das colleitas e o inicio do inverno. Por outra banda, na cultura celta crían que esa noite a fronteira entre o mundo dos vivos e dos mortos desvanecíase. Para protexerse acendían fogueiras e usaban disfraces para confundir ás entidades.
Na cristianización, século VIII, o papa Gregorio III marcou o Día de Todos os Santos o día 1 de novembro para cristianizar e suplantar a antiga festa pagán. A noite do 31 de outubro, pasou a chamarse "All Hallows´ Eve" (Véspera de Todos os Santos), de onde deriva a palabra Halloween.
Durante a Idade Media fóronse consolidando costumes como a petición de "pasteis de alma" pola poboación máis cativa, o uso de fogueiras e de farois tallados en nabos.
Esta tradición celta expandiuse polos Estados Unidos de América, no século XIX, coa chegada dos inmigrantes irlandeses e escoceses. No ano 1845 tivo lugar unha gran carencia de alimentos, polo que os nabos foron substituídos polas cabazas. Estas pasaron a ser as empregadas sempre, tanto polo seu tamaño como pola facilidade para tallar os motivos máis terroríficos.
Na actualidade, esta antiga celebración celta é xa todo un fenómeno mundial e global.
BOELLO E O EQUIPO DA BIBLIOTECA
CEIP PLURILINGÜE CALVO SOTELO









No hay comentarios:
Publicar un comentario